pintadaps
LunesMayo21 ,2012
Font Size

Deconstrucción apocalíptica

ao loriño comigo
son unha monstra!

da miña boca despréndese
trebóns
e asoman sapos e bichas noxentas

a miña lingua é bífida
a miña voz torna grave e tétrica

as miñas mans son gadoupas
nunca se entregarán

os meus brazos son boas feroces
constrictor

o que fago é por amargura
e por resentimento
e por rancor
e, sobre todo, por pracer

cheiro que apesto

practico bruxaría no meu tempo libre
e prendo lumieiras con billetes de 500

estou completamente tola
a miña mente é un volcán botando fume
e da miña boca saen  fumarolas de enxofre

desprezo o pasado
renego do futuro
só creo no presente
e todos os seus desastres

porque a fin do mundo
xa está chamando
ás portas da cidade

as grandes avenidas
serán tomadas
polos macacos
dos zoos

as altas torres da soberbia
serán sepultadas por edras asasinas
que xa empezan a agromar
nun ángulo da miña sombra

de nada valerán as vosas motoserras
non teredes combustible

de nada valerán as vosas bombas
non teredes maquinaria para activalas

xa podedes empezar encerrar os vosos inventores
nun cuarto blindado
para que deixen de seguir danando a poboación

o mal queda todo confiscado
pola monstra

darémoslle a volta a todo
o desconcerto será xeralizado
non teredes capacidade de resposta

desexaredes estar mortos
andes de terdes nacido

o tempo libre será tanto
que teredes a nauseabunda sensación de afogar de aburrimento
fóra dos despachos

suplicaredes de xeonllos
un cursiño acelerado de artes e oficios
e nunca haberá praza para vós, os depredadores

os tolos sairán en desbandada
dos manicomios
e lanzarán os seus pregóns nas alamedas liberadas

os poetas abrirán as ventás
dos seus peitos fusilados
e unha cachoeira de mapoulas
como un  Orinoco de deprezo desbordado
cubrirá a vosa obra de desolación programada

son a monstra
a abominable coca
o dragón metalizado
que sae do mar

na primeira gran marea
para devorar un home virxe
cada primavera

grrrrrr

amarellesbravos.blogspot.com

Escribir un comentario

Este sistema facilita la interactividad y suma de pensamiento colectivo. los mensajes cuyo sentido es destruir este principio, son eliminados


Código de seguridad
Refescar