pintadaps
LunesMayo21 ,2012
Font Size

Memorias da Cidade Escura, de Miguel Ángel Alonso Diz

Ignorancia
terrible arma,
co teu ser ameazas
á cidade arelada.

Es fogar de sombras,
insensatez, na penumbra
da estupidez.

Onde é mellor crer
que saber.

Ignorancia
son os teus libros
páxinas espidas,
as túas horas
palabras perdidas.

Ignorancia
es ermo campo durmido
onde o sentido cae sumido
nun eterno soño rendido.

Onde é mellor crer
que saber.

Ignorancia
canto máis te vexo,
máis recoñezo o desexo
de cravarte un verso afiado.

Porque, que somos no silencio
máis que nenos malcriados.

Porque, que somos na inconsciencia
máis que monifates abandonados.

Ignorancia!
comeza a batalla
das plumas erguidas.
Ignorancia!
comeza a loita
das almas ata agora durmidas.

Ignorancia!
non o dubides!
serás vencida!




PARA VER CORRECTAMENTE ESTE TRABAJO, CON MAQUETACIÓN ORIGINAL Y LITOGRAFIAS
Desgarga la obra en formato .doc

1,6 mb
Desgarga la obra en formato .pdf
6,9 mb (mayor calidad)






Quen son eu?

Eu soamente son un fío de voz pendurado na eterna noite dun curruncho esquecido
onde case non se distingue a tenue luz duns verdes ollos aínda durmidos.

Só iso...

un fío de voz, unha tenue luz no medio da escuridade.

Miguel Ángel Alonso Diz




E ...
¿quen son eu? Un poeta,
ou, como quen di, un paxaro
a quen tallaron o bico
cando empezaba o seu canto;
e que, dende aquela, mudo,
dos patrios eidos xotado,
por longas terras e mares
arrastra as áas sangrando.

Un poeta a quen un día
hastra ese nome negaron,
porque arrolar nunca soupo
o sono vil dos tiranos;
porque despertaba ós pobos
cos seus alegres recramos
i agoiraba auroras novas
que xa están alborexando.

Manuel Curros Enríquez




ÍNDICE


ACTO I:  SILENZO.................................................................................... 9

ACTO II:  ESPERTARES     ................ 27

ACTO III:  POEMAS EN LOITA ............................................................ 35

ACTO IV: IMAXES DA CIDADE  ESCURA ........................................ 56














ACTO I:  SILENZO













Onde estou?

só sinto o silenzo
nesta negra cavidade impía.



























Onde estou?

por que me sinto feble
e coa alma perdida.

























Cadeas...
cadeas nos meus fríos brazos!
cadeas nos meus pés rotos!




























Onde estou?

por que a lenta agonía
desta vida sen luz.



































Onde estou?

por que non brota sangue
das miñas feridas.




























Cadeas...
cadeas o derredor do meu pescozo!
cadeas que tornan o meu corpo nun esbozo!































Onde estou?

Onde estou?

só sinto o silenzo das miñas feridas mudas
cravándose nas cegas cadeas que me condenan.








































Onde estou?

Onde estou?































ACTO II:  ESPERTARES




















Esperta rapaz, esperta!

chegou a hora de loitar,
pon a túa alma aberta sobre estes versos
que te veñen a estalicar.

































Esperta rapaz, esperta!

colle o mazo e a forxar
no teu ventre aqueles soños
que arelamos acadar.





























Esperta rapaz, esperta!

NA CIDADE ESCURA ESTÁS.






















ACTO III:  POEMAS EN LOITA
























POEMAS EN LOITA
- I-


Loita
,
erguinme en loita
contra o embuste inxerido
sen máis armas cás mans,
espidas plumas de coraxe enaltecido.

Erguinme porque quería
espertar o verbo durmido,
precisaba pintar coa miña voz
o que tiña acontecido.

Erguinme porque desexaba
atopar o valor esquecido,
precisaba debuxar cos meus beizos
o noso soño esvaecido.

Loita,
erguinme en loita,
loita contra o vento ferido,
para acabar morrendo nas mans
dos meus inimigos.




















POEMAS EN LOITA
- II -


Acaso
se me ergo
será para ser de novo
derrubado,
por ese silenzo infértil
de sabor acedado.

Acaso se me ergo
será para ser de novo
aldraxado,
por ese ollar invisíbel
das tardes do sábado.

O acaso se me ergo
será para ser vento
furacanado,
que se crave nos peitos
dos que están camiñando.

O acaso se me ergo
será para ser guerreiro
armado,
que loite sen cuartel
mentres outros están agochados.


Acaso se me ergo

o acaso se me ergo.

























POEMAS EN LOITA  
- III -


Doen
as palabras nos beizos
como centos de coiteladas debuxando sangue
nun lenzo baleiro
e imposible de encher.

Doen na alma,
e nas pálpebras de cemento
que sucan o ar
cicatrizando a cidade
co seu cheiro a incenso.

Doen tamén nas mans
e no ventre
e na terra,

doen tan dentro
que ata as raíces treman
cando senten ao lonxe a choiva
que as leva.  

Doen as palabras
doen nos beizos,
doen no sangue
desta extirpe cega
que cun sorriso mentireiro
a súa vontade entrega.

Doen as palabras
doen na lingua mordida
que se agocha nas penas,
nos farois, nas rúas,
no fondo da esquecida ría.

Doen tan alto
que ata as estrelas
fían laios
na noite pendurada.

Doen as palabras
doen nos beizos,
doen na alma
desta cidade escura,
doen enchendo todo
da máis fonda das negruras.

























POEMAS EN LOITA  
- IV -

Optei
pola palabra combativa,
ruda, case mariñeira,
curtida na auga, contra as rochas,
baixo o sol,
máis ala das estrelas.

Optei pola palabra combativa
porque todo era silenzo
nunha cidade na que as voces
tornaban en mudas cunchas baleiras.

Optei pola palabra endexamais cativa,
forte, xenreira,
tecida na terra, entre as rochas,
baixo a lúa,
máis ala das estrelas.

Optei pola palabra endexamais cativa
porque todas as olladas eran de pedra,
nun campo no que o medo
fería as vontades coa súa presenza.

Optei pola palabra temida,
valente, dereita,
forxada na alma, entre os peitos,
baixo os ollos,
máis ala das estrelas.

Optei pola palabra temida
porque todo era escuridade
nesta cidade esquecida.  
























POEMAS EN LOITA  
- V -


Á cidade
escura
non se achegan os versos
coa intención de repousar no seu leito,
pois non hai remanso de paz
nese peito de pedra
cheo de teitos e tebras,
que pechan o aire
con invisibles cancelas pétreas.

Á cidade escura
non se achegan os soños
coa arela de verse feitos,
pois non hai corazóns
nese peito de pedra
cheo de teitos e tebras,
que cravan o ceo
coa súa ollada baleira.

Á cidade escura
non peregrinan os nenos
co sorriso aos seus beizos suxeito,
pois non hai ledicia
nesa pedra desfeita
chea de teitos e tebras,
onde a alma esvaecese
nunha eterna noite cega.

Á cidade escura
non se achegan os versos
coa arela de verse feitos,
pois non hai esperanza
nese peito de pedra
cheo de teitos e tebras,
que pechan o aire
coa súa ollada baleira.

Á cidade escura
non se achegan os soños
coa intención de repousar no seu leito,
pois non hai esperanza
nese peito de pedra
cheo de teitos e tebras,
que cravan o ceo
con invisibles cancelas pétreas.






























POEMAS EN LOITA  
- VI -


As noites
, cando as voces
esquecen a vida,
comeza o retorto xirar
das confabulacións políticas.

Murmúreos enganosos
en mesas acesas
onde o diñeiro talentoso
gaña tódalas guerras.

E un mostro que medra
alí onde o política alimenta;
na carteira os cartos
a desvergonza na súa face serea.

As noites, cando os ollos
pechan na durmida,
comeza o falso cantar
das conciencias perdidas.

Murmúreos traizoeiros
en cadeiras de prata
onde sorrisos silandeiros
asustan ata as ratas.

E un leviatan erguese
alí onde a xustiza non chega;
no corazón baleiro
a dor na nosa face tristeira.




























POEMAS EN LOITA  
- VII -


Na
túa triste face
nace un ollar lento
atento a tódolos versos
inmersos neste vello caderno

inverno xurde dos meus berros
erros irmáns do pasado
repasado e calado
agochado no meu ventre espido

perdido na ferruxe de pedra
medra na miña alma
calma que a tormenta precede
cede a miña lingua tristeira

verdadeira é a miña vontade amor
clamor que acende as mans
cans que defenden o meu ar
lar do soño antigo

Vigo.



































POEMAS EN LOITA  
- VIII -


A pedra
da cidade
xace morta ós meus pés
e por riba de min.

Nas súas fendas non hai vida
e o seu petrificado alento
observa atento
coma se afasta a orela durmida.

A pedra xace inerte
ó meu carón,
e por riba de min.

O sal da súa beira
é lembranza imposible
dun tempo no que a ribeira
non era un monstro terrible.

E a pedra sofre sen esperanza
en edificios que desafían os corazóns,
sobre os vestixios das paixóns
dunha esquecida lembranza.

E o Vigo que puido ser
xace morto, inerte, sen historia...
mentres o mar se afasta, sen remedio,
de ti, de min.

Da cidade.































POEMAS EN LOITA
- IX -


Porque
te amo
dóeme estar en silencio,
coma un morto
ou un obsceno espectador
da desgraza.

Porque te amo
as palabras queiman na lingua,
abrasan o peito,
elevan a ira.

Porque te amo
choro no Castro
en Samil,
no monte da Guía.

Porque te amo
sinto tristeza
ó ve-la túa alma roída,
e as túas pedras vencidas.

Porque te amo
escribo estes versos
para encherte de vida.

Porque te amo

































POEMAS EN LOITA
- X -

O peso
da cidade
oprime os meus ollos
coa súa gris presenza desolada,
e nada hai nas rúas
que cure o desacougo
do meu peito,
nada hai nas rúas
que arranxe a dor
da miña alma.

Porque todo é gris na cidade morta,
na feble luz dos seus farois,
no sucio andar das súas miradas.

E na súa ribeira
xa non hai peixes, nin pescadores,
ata o mar, que no pasado
mollaba a miña ventá,
fuxiu de ti, de nós.

Cara ó lonxe,
máis aló da mole de ferro,
cimento e mentiras.

Xa non queda ninguén
que te coide,
ata os teus trobadores
te esqueceron.

E nada hai nas rúas
que sande este tormento
que oprime os meus ollos
rompendo o silencio.





























POEMAS EN LOITA
- XI -

Ferro
,
ferro nas mans
e nos corazóns da xente,
ferro
que fere a liberdade
ferro
que mutila as esperanzas.

Ferro no campo
nos ríos
nas rías
no mar e nas estradas.

Ferro que afoga
que abafa as miradas.

Ferro que é ferro
que risca o ceo,
e todo é ferro
no mundo
que agoniza de medo.


Non hai flor, todo é ferro
non hai amor, todo é ferro
non hai auga, todo é ferro

Ferro que rompe a terra
en dous en catro en cincocentos
anacos de ferro.

Ferro ferro ferro ferro
que converte o mundo
nunha fría bola gris
de soidade... de ferro...
























POEMAS EN LOITA
- XII -

Desexaría
ser unha ave
para poder voar
sobre a miña soñada cidade,
así podería ve-las praias do Areal,
Bouzas, Coia, e Alcabre.

Podería ve-lo castelo de San Sebastián
e exclamar dende o seu cume: ó ataque!

E gozar na imaxinada cidade de Palacios
coa harmónica regularidade
das súas amplas avenidas
das súas xenerosas árbores.

E voaría moi amodo
agora que o desexo elévame o aire,
para poder agarimar dende o ceo
as murallas da encintada cidade
que repousa preñada de vida, enchida de si.

Desexaría ser unha ave
para ve-lo camiñar das almas
ó paso do tranvía amable...

Pecho os ollos e volto a pensar
que gustaríame ser un ave
para poder voar...

sobre a miña soñada cidade.































POEMAS EN LOITA
- XIII -

A miña
cidade é
como unha fulana abandonada
de feble mirada, mal maquillada
e de historia desmelada.

As súas mans ásperas
son currunchos escondidos
e os seus ollos pedras roubadas
onde aniñan perdidos
homes de palabras atormentadas.

E nada queda da soñada cidade
na derradeira calada.
E nada queda da miña cidade
nas rúas xa pechadas.

A miña cidade é
coma un recordo zurcido,
unha estrela sen brillo
un soño esquecido.

A súa alma é coma unha bágoa calada
dun corazón que morre durmido,
e os seus beizos unha estrofa negada
dun tempo que xace rendido.

E nada queda da soñada cidade
na derradeira calada.
E nada queda da miña cidade
nas rúas xa pechadas.

A miña cidade é
como unha fiestra cegada,
unha casa anegada
unha fogueira apagada.

A súa voz telúrica
asemella un anxo caído,
e os seus dedos
unha árbore tronzada
na que permanece suspendido
un pequeno neno
que chora de todo espido.

E nada queda da soñada cidade
na derradeira calada.
E nada queda da miña cidade
nas rúas xa pechadas.




























POEMAS EN LOITA
- XIV -

TRANVÍA DO CEO


Aínda retumba
o teu son nas vías mortas,
baixo o cimento da fealdade.

Aínda podo ve-lo
teu cadáver prostrado,
unha triste realidade.

Aínda podo escoitar
ós amores xurdidos do teu peito,
hoxe cova de soidade.

Pouco queda de ti
na escura cidade,
mais...
aínda retumba a túa voz
rompendo coa mesquindade,
de homes e mulleres
bébedos desa ruindade.

































POEMAS EN LOITA
- XV -

Eu
!
derramei a miña saliva
polas túas rúas,
espallei a miña semente
polas túas árbores...

Eu!
maldixen a laxe
con palabras odiadas,
chorei ata a morte
nas últimas badaladas.

Que máis pode facer un gran de area?

Que máis pode perder un salaio da herba?

Quizais deba pelexar desde a praia,
quizais deba esquecer na fraga.

Ou quizais deba agardar
á subida da marea.



Agardar
a que o cubra todo
co seu veo de silencios...
e penetrar no ceo
da inconsciencia.

Que facer?
Que perder?


























POEMAS EN LOITA
- XVI -

Cidades
de escuras miradas
sementan as vosas ventás
murmurios de desgrazas
na noite doída
polas moitas dentadas.

Cidades de escuras palabras
son os vosos portais
refuxios de ameazas
onde bocas orfas batallan
con enxivas desamparadas.

E nada queda na rúa
máis que o inerte asfalto
e unha luz caída.

E nada queda no aire
máis que un corazón falto
e unha estrela rendida.

Cidades de escuras badaladas
son os vosos peitos
o cadaleito das rapazas
e da ledicia contida
de almas abafadas.

Cidades de escuras mascaradas
son as vosas figuras
o fume das lembranzas
onde as horas amadas
despiden tristes a última bafarada.

E nada queda nas sombras
máis que un berro alto
e unha man erguida.

E nada queda nos parques
máis que un paxaro cauto
e un ha froita prendida.

Cidades de escura...
alma esvaecida.





























POEMAS EN LOITA
- XVII -

Ignorancia

terrible arma,
co teu ser ameazas
á cidade arelada.

Es fogar de sombras,
insensatez, na penumbra
da estupidez.

Onde é mellor crer
que saber.

Ignorancia
son os teus libros
páxinas espidas,
as túas horas
palabras perdidas.

Ignorancia
es ermo campo durmido
onde o sentido cae sumido
nun eterno soño rendido.

Onde é mellor crer
que saber.

Ignorancia
canto máis te vexo,
máis recoñezo o desexo
de cravarte un verso afiado.

Porque, que somos no silencio
máis que nenos malcriados.

Porque, que somos na inconsciencia
máis que monifates abandonados.

Ignorancia!
comeza a batalla
das plumas erguidas.
Ignorancia!
comeza a loita
das almas ata agora durmidas.

Ignorancia!
non o dubides!
serás vencida!.

























POEMAS EN LOITA  
- XVIII -

AOS PÉS DA PANIFICADORA


Esquece…
Esquece…

voces brúan na noite esgallada
co rechouchío  dunha estrela aboiada,
lembrando que non resta barileza
na pedra que esmorece,
no lugar onde a indiferenza
atopa o seu berce.



Esquece…
Esquece…

aos meus ollos eivados
sopran os soños arelados,
e eu,
debruzado baixo o teu perfil debuxado
atópome ó resío
apouvigando o laído egrexio
que arrólame nun forte apreixo
transformándome nun verme
que

Esquece…
Esquece…

ao teu ser adoecido
polo tempo mal levado,
pola carraxe esborrallada
e o azo perdido.
E busco no meu ser un aloumiño
co que espertar a muxica case cega
nesta cidade negra que nega
a túa alma o seu sitio.

Esquece…
Esquece…

o ecoar das voces gurran de min
neste infindo estourar de silenzos falados,










e eu,
baixo o aballoar crecente
belisco a miña conciencia
chea de carriza quente.

Funga o vento!
Brúa o mar embravecido!
nos meus beizos caídos,
e aínda son quen de escoitar
o latexo que abrolla no amencer
cinguido o rechouchío das túas pedras cansas.

Esquece…
Esquece…

e as voces van caendo
no aballoar presente,
e as miñas mans loitan
por manterte con vida
nesta cidade atafegada
por tanta mentira vertida,
e que o cabo
sempre termina esquecendo
a miña verba luída.

Esquece…
Esquece…





























POEMAS EN LOITA  
- XIX -


Debo
confesarvos
que as lapas que me alimentan
esmorecen baixo a noite
que paseniñamente se achega.

Tralo golpe das sereas
nada quedará de min
nesta cidade erma.

Se acaso, unha buguina esgotada
na derradeira orela.

Unha lembranza. Un soño. Logo...


unha infinda noite
na cidade escuramente eterna .
























ACTO IV:  IMAXES DA CIDADE ESCURA

























Xace
ós meus pés ferida
a estatua dunha cidade
de bafarada roída.

E no fondo, enchido de soidade
navega a metáfora dun neno
presaxio da deformada realidade.

Nada queda nos seus acenos
da pétrea ledicia
daqueles tempos de barcos pequenos.

Nada,tan só preguiza
en beizos sembrados de veleno
e cegos ás inxustizas.

Xace ós meus pés ferida
a estatua dunha cidade
de alma perdida..
































Arrédanse os barcos
do porto durmido
co paseniño vagar
dun mostro ferido,

levando nos seus ollos
o recordo tecido
do seu triste pasar
polas rúas de Vigo,

e no múelle
o aloumiño do mar
contra as rochas
deixa beixos de sal
que recollen as gaivotas.

E nos meus beizos
unha verba rota
debuxa nestes versos
ós emigrantes na derrota.















































Podo e quero
Pedirlle un fondo perdón
Ao orballo que beixa as túas pedras
Na noite esgallada polas sombras
Interiores que ameazan a miña razón.

Fuxir ao cabalo do vento
Igoal que foxen o resto
Coas vísceras asolagadas dun licor presto
Acadando na morte o meu sustento.

Daquela, teu nome será lembranza
Obelisco o teu cadaleito desfeito,
Recordo baleiro de esperanza
Adival debuxado no meu teito.











Autor de esta obra: Miguel Ángel Alonso Diz
mad1423(0)hotmail.com

http://aportaverde.blogspot.com/
http://forxadordeversos.blogspot.com/

hola amigos, despues de mucho tiempo, adjunto os envío otro poemario mío en gallego. MEMORIAS DA CIDADE ESCURA
Espero que gusteis de el. Un saludo.

Escribir un comentario

Este sistema facilita la interactividad y suma de pensamiento colectivo. los mensajes cuyo sentido es destruir este principio, son eliminados


Código de seguridad
Refescar