pintadaps
JuevesFebrero09 ,2012
Font Size

O imperio do tacto, Sara Ares Cambeiro

Gratitude
Grazas de novo garzas
Pola mansedume do serán en que espero en fisión
A túa presenza augusta e imposible
A túa serenísima presenza
O, sole mio


Grazas aldeíña antiga por estar
E non só na ausencia

Grazas tempo noctámbulo
Aínda azul mariña

Grazas triángulos
Pola precision

Grazas ollos
Porque te viron

Grazas pel que te tocou

Grazas curuxas
Da ausencia

Grazas nubes rosas
pois é todo o que de ti me queda

Grazas calendarios
Por levar o ton

Grazas colectores de lixo
a ver que faciamos
Nós coa merda

porque permitides o imposible

Grazas toxos
Por obrigar a facer camiños arriscados e inútiles que levan a ningures

Grazas, vella, por traelo

Grazas, pedras, bicos dos muros

Grazas couselos ou conchelos que aquí estades inmutables dende a infancia
Grazas a vós aínda non perdida

Grazas variñas beluseiras que me destes protección

Grazas-terra por permitires o regreso ineludible
ata un día calquera do que xa non haberá máis volta






O IMPERIO DO TACTO

1

As túas mans poñen  ás
nos meus brazos abolidos
os teus dedos tecen lirios
no meu prado muscular  


2

Na pel que estaba durmida
Un gato bota  a miañar
Sinto que me enche de vida
Este denso e lento inar


3

na miña atroz curvatura
na miña canseira antiga
estás a darlle lectura
a unha gamela perdida


4

Con ánimo claro e fero
Estás deseñando a flor
Que engalana o meu amor
Libre xa do seu veleno


5

O ritmo da rima é raro
O teu torso é convexo
Cóncavo o meu pensamento  
O meu corazón escravo


6

Os sons semellan doídos
latexando saudosos
Nas cunchas dos meus oídos
reverberan melodiosos


7

A luz que entra filtrada
Polas fírgoas do meu ser
Parece estar peneirada
na rosada do mencer


8

Se alguén por min preguntar
Dille que estou en prisión
Non me queira  amor ceibar
Do peso destes grillóns


9

Agora que o tempo é dado
De marcharmos vitoriosos
Deste encontro desexado
Biquémonos só cos ollos


10

Confiando xa no fado
Tímido e agarimoso
Do ir seguro e pausado
Ao noso encontro ditoso









MENHIR DA CHAMADA

(É un cantar miudiño...)

O camiño é un estilo
O andar, apuntamento
A chegada, un desafío
A intención, o alento


Non hai nada que alegar
Ás flores do teu xardín
Eu só quería observar
Como che medra o xazmín
Nos bicos con que me miras
Nas pálpebras con que me dis
Palabras ao azar collidas
No voo dos teus alelís

O ánimo que me move
É un cantar depurado
Nas fontes onde acode
O cervo de amor ceibado

Cando subas ao outeiro
onde acostumo agardar
o teu chegar preguiceiro
tereiche que confesar
que neste mundo larpeiro
nada me interesa máis
que o teu estar ventureiro
imprevisible e fugaz.

O ánimo que me acode
É unha cántiga antiga
Que lle ceibou á súa amiga
O cervo a beber na fonte

As ferramentas usadas
Para facer o labor
De acadar terte a babor
Laxa, tranquila e confiada
Nun momento de esplendor
Son propias dun escultor
Que na pedra das semanas
Vai tallando o seu fervor
Con precisión calculada
De máquina a todo vapor
Que evita quedar escorada
Por un momento a estribor

O ánimo que me impulsa
É o cántico ancestral
Que adopta o cervo no val
Cando a mañá vén convulsa

Das horas que compartimos
Facemos unha escultura
Coas nosas xemas abrimos
as bisagras máis escuras
da nosa propia armadura


O ánimo que me asiste
É un cantar apañado
Por cervo no verde prado
Na herba do teu despiste


Cando se cumpra a hora
do noso encontro pactado
será como un atentado
que anule o mundo de fóra
todo está xa preparado
para dar cabida a aurora
do monumental achado
desta relación que explora
territorios liberados.

O ánimo que me leva
É un cantar moi baixiño
Que o cervo ceiba na senda
Que me pon no teu camiño

Vigo, verán 2010






Sara Ares Cambeiro
rsaia(0)mundo-r.com

Escribir un comentario

Este sistema facilita la interactividad y suma de pensamiento colectivo. los mensajes cuyo sentido es destruir este principio, son eliminados


Código de seguridad
Refescar