pintadaps
Miércoles Septiembre 08 , 2010
Font Size
   

O imperio do tacto, Sara Ares Cambeiro

Gratitude
Grazas de novo garzas
Pola mansedume do serán en que espero en fisión
A túa presenza augusta e imposible
A túa serenísima presenza
O, sole mio

Grazas aldeíña antiga por estar
E non só na ausencia

Grazas tempo noctámbulo
Aínda azul mariña

Grazas triángulos
Pola precision

Grazas ollos
Porque te viron

Grazas pel que te tocou

Grazas curuxas
Da ausencia

Grazas nubes rosas
pois é todo o que de ti me queda

Grazas calendarios
Por levar o ton

Grazas colectores de lixo
a ver que faciamos
Nós coa merda

porque permitides o imposible

Grazas toxos
Por obrigar a facer camiños arriscados e inútiles que levan a ningures

Grazas, vella, por traelo

Grazas, pedras, bicos dos muros

Grazas couselos ou conchelos que aquí estades inmutables dende a infancia
Grazas a vós aínda non perdida

Grazas variñas beluseiras que me destes protección

Grazas-terra por permitires o regreso ineludible
ata un día calquera do que xa non haberá máis volta






O IMPERIO DO TACTO

1

As túas mans poñen  ás
nos meus brazos abolidos
os teus dedos tecen lirios
no meu prado muscular  


2

Na pel que estaba durmida
Un gato bota  a miañar
Sinto que me enche de vida
Este denso e lento inar


3

na miña atroz curvatura
na miña canseira antiga
estás a darlle lectura
a unha gamela perdida


4

Con ánimo claro e fero
Estás deseñando a flor
Que engalana o meu amor
Libre xa do seu veleno


5

O ritmo da rima é raro
O teu torso é convexo
Cóncavo o meu pensamento  
O meu corazón escravo


6

Os sons semellan doídos
latexando saudosos
Nas cunchas dos meus oídos
reverberan melodiosos


7

A luz que entra filtrada
Polas fírgoas do meu ser
Parece estar peneirada
na rosada do mencer


8

Se alguén por min preguntar
Dille que estou en prisión
Non me queira  amor ceibar
Do peso destes grillóns


9

Agora que o tempo é dado
De marcharmos vitoriosos
Deste encontro desexado
Biquémonos só cos ollos


10

Confiando xa no fado
Tímido e agarimoso
Do ir seguro e pausado
Ao noso encontro ditoso





Sara Ares Cambeiro
rsaia(0)mundo-r.com

Escribir un comentario

Este sistema facilita la interactividad y suma de pensamiento colectivo. los mensajes cuyo sentido es destruir este principio, son eliminados


Código de seguridad
Refescar